Friday 03 de May de 2024

Máis de 20.000 persoas achegáronse ata ás Somozas para gozar das festas patronais


• O día 24 de xullo foi o máis destacado e de máis afluencia coas actuacións das orquestras ‘Panorama’ e ‘París de Noia’.

• Como peche final de festa, o 29 de xullo tivo lugar a Festa do Neno, con numerosas actividades como inchables, karts a pedais, tobogán de auga ou animación musical.

As festas patronais das Somozas en honor a Santiago Apóstolo demostraron o seu gran éxito cunha afluencia de máis de 20.000 persoas, na boa liña da edición do ano pasado.

Tras a inauguración o primeiro día coa actuación das orquestras ‘Panamá’ e ‘La Fórmula’, a celebración levouse a cabo durante cinco xornadas nos que a música foi protagonista da man de ‘Ritmo Xoven’, ‘Tango’, ‘Olympus’, ‘Os Tafornelos’ e ‘Galilea’.

Un dos días máis esperados e de gran afluencia foi o luns, 24 de xullo, no que as orquestras ‘Panorama’ e ‘París de Noia’ puxéronlle a guinda a noite cos seus espectáculos. Debido á gran afluencia de xente, a veciñanza cedeu as súas fincas para empregalas como aparcamento.

Pola súa parte, o domingo 23 e o martes 25 tiveron lugar as misas tradicionais na Igrexa Parroquial e na Capela de San Roquiño, ademais da celebración da procesión con motivo do Santiago Apóstolo.

Finalmente, o Concello pechou a programación o sábado 29 coa Festa do Neno, na que a rapazada puido gozar de numerosas actividades como circuítos de karts, obradoiros, tobogán de auga e inchables.